jueves, enero 31, 2008

No cu do mundo


Bueno Xentalla.
Creo que xa vai sendo horas de dar unha explicación convincente do abandono deste voso blogue, no que non aparecen actualizacións nin novidades dende o pasado més de Nadal, aló polo día 6. E unha vez mais, non será por non ter nada que compartir con vós. O motivo é tan sinxelo coma que as ocupacións da famillia obligaron ó dito peche editorial.
Mais xa estamos de volta, coas comunicacións restablecidas e con ánimo de seguir no blogomillo.

A primeira cousa, e a mais importante, é que ista fami-Lia, como xa sabedes a maioría, vaise ampliar cun novo membro que xa deixou de ser un simple feto sen nome, para pasar a adoptar protagonismo e personalidade propia. Xa queda menos para a alumbramento do noso segundo fillo, e se todo vai ben, a mediados do vindeiro mes de Marzal, terei a honra de presentar en sociedade, a vós por suposto en rigurosa primicia, a MAEL. Segundo os controis médicos todo evoluciona segundo o desenrolo normal dun bebé de mais de 32 semáns de vida. Toda unha sorte.

O segundo gran cambio en Lia a Dia, é que abrimos unha etapa nova deixando Inglaterra as nosas costas para instalarnos de maneira semidefinitiva en terras Coruñesas. A baixa de maternidade nas illas británicas pode ser extendida, ainda que non pagada na súa totalidade, ata os 12 meses. Este será, alomenos, o tempo que estaremos por terras Galegas.
Mentiría se dixera que non vou botar en falta Bath. Gran descubrimento o desta fermosa cidade.
Non me preguntedes que vai pasar despois, porque non o sabemos nin os propios protagonistas desta historia. Haberá que deixar que o destino exerza de guionista da nosa película. Agardemos que teña final feliz.

Este traslado que vos comento, logo de residir en territorio británico durante mais de 4 anos, forzounos a abandona-lo blogue que estás a ler. Non vos podedes imaxinar a de cousas que se acumulan aló onde vivas durante un período de tempo coma este. Todo unha complicación que parece que por fin está amañada. Sirva este recuncho para agradecer unha vez mais a JOE HOLMES a súa axuda e colaboración desinteresada, deixándonos facer uso da súa propia casa e do seu coche, para gardar unha serie de cousas que polo de agora me resultou imposible transportar a Galicia.


O terceiro factor que influiu no abandono parcial desta bitácora, (ademais do feito de deixar de ter conexión a internet, factor este xa solventado dito sea de paso) é que dende o pasado día 15 de Xaneiro estou a traballar nun programa de Recuperación de Fauna Salvaxe coma cooperante voluntario en TAILANDIA. Iste proxecto era algo que tiña en mente dende facía tempo. Completamente organizado, ou case, dende finais de Agosto do ano pasado, e agora por fin viu a Luz neste comezo de ano 2008, que non sei coma rematará, pero sí que vos podo asegurar que está escomenzando de xeito vibrante. Desculpade o feito de non telo compartido con vós antes.

Cheguei ata eiquí a través dunha axencia de cooperación con sede en Nova Zelanda, que se chama G.V.N.(Gloval Volunteer Network) a cal coñecín a través desta gran canle de comunicación e información pola cal vos falo, que é o bendito Internet. Se tedes tempo, disposición, dedicación, algo de cartos e unha cara tan dura como a miña para abandonar á vosa xente (pensade que era ou agora ou probablemente nunca), non dubidedes en botar unha ollada a esta ou a calquera outra axencia de cooperación internacional, porque realmente é unha experiencia inesquencible e hai programas para todo tipo de profesionais (Mestres, médicos, enfermeiros, educadores, enxeñeiros etc.) ou para calquera persoa con ganas de axudar de maneira desinteresada e altruísta.

O meu programa está situado na provincia de Petchbury, a uns 250 km ó sudeste de Bangkok, non moi lonxe da fronteira con Myanmar (Birmania). Os sitios mais cercanos son Cha-am (onde me atopo neste intre desfrutando do meu único día libre á semán) ou Hua-hin.

En concreto estou a traballar no Wildlife Rescue Centre, xestionado pola asociación Wildlife Friends of Thailand.
Iste centro foi fundado en Maio de 2001 e foi construido nuns terreos cedidos xenerosamente pola comunidade Budista de Kao Look Chang, que é o poblado mais cercano ó refuxio, a tan só 20 minutos andando. Se queredes informarvos polo miudo podedes navegar a través desta PÁXINA WEB.

O fundador do refuxio é un holandés que se chama Edwin Wiek, que logo de instalarse a vivir en Cha-am abrindo algúns negocios, decidiu vender todo para adicarse por completo á recuperación distes animais. Hoxendía ademais, está inmerso noutros proxectos como a recuperación de especies en risco de extinción en 2 zonas inmensas de Laos e Camboia, que van ser asolagadas para a construcción de 2 xigantescas presas hidroeléctricas. Unha mágoa, pero o proxecto parece que non ten marcha atrás.
Dende a sua apertura, o centro leva dado cobixo e unha vida digna a mais de 400 animais, sendo a súa reintroducción ó medio natural o obxectivo final, pero cunha porcentaxe de éxito mínima dado o delicado estado dos bichos e á falta de hábitat para a súa liberación. Ademais das instalacións propias do centro, nun gran lago cercano, dispoñen de 8 pequenas illas desabitadas que serven de refuxio natural para outras tantas familias de primates.
A día de hoxe o centro conta con mais de 300 animais entre primates (de todo tipo, Gibones, macacos, langures etc), osos, tigres, paxaros, reptís, mamiferos nocturnos etc. En vindeiros días prometo presentarvos ós meus favoritos.

Empecei a traballar no centro o día 16 deste mes, logo dun longo e canso viaxe dende Londres a Bangkok facendo escala por 3 horas nos Emiratos Árabes, en concreto en Abu Dabhi. O viaxe de regreso será igual pero á inversa. Quedarei no refuxio durante algo mais de un mes e logo dispoño de case 10 días para exercer de turista "ó uso", ainda que dada a perfecta adaptación ó centro, estou a cavilar a posibilidade de quedar eses días extras traballando no refuxio. Agardo chegar á Coruña o vindeiro mes de Febreiro aló polo día 24. Que así sexa. Significaría que todo foi ben e baixo o plan previsto. Ata entón espero seguir contándovos mais cousas deste maravilloso lugar e as suas xentes, porque realmente paga moito a pena.
Para entón podería celebrar tamén aquelo que digo sempre de que Seguimos vivos.

CHAI O!!
SAWADI.
KOP KUN.

jueves, diciembre 06, 2007

Viaxe en camello

Debido e gracias á visita por estas terras Victorianas da madriña da miña máxima responsabilidade, deixo terras británicas por uns días para pasar unha semán rodeado dos meus, é dicir de todos vós, pola Galaecia imperial.
En apenas 5 horas voo dende Heathrow á Coruña co macuto cheo de trebellos e de sensacións contradictorias, sendo isto segundo o que mais me pesa no lombo.

Regresarei de novo e con enerxías renovadas para rodearme de fillos da gran Bretaña o vindeiro día 12, polo que ata entón, é mais que probable unha desconexión activa do blogomillo, ainda que, de seguro, estarei pendente de tódolos vosos movementos.

Pero antes de partir, quixera compartir con vós unha nova curiosa que veño de ler na páxina Web da cadena SER e que me fixo replantexarme a idea de converterme nun camello, que dado o continuo traxín darriba para abaixo, era un dos plans de futuro que tiña proxectado, ainda que vexo que posto na balanza o factor Beneficio-Risco-, mellor vou rexeitar e desistir de tal idea e deixar o estraperlo para outra vida.

O mellor sería, sen dúbida alguna, que a despenalización fose unha realidade, pero polo de agora teremos que seguir burlando a lei xa que a lei non fai mais que burlarse de nós.

E por certo, falando de paradigmas...Eva, boa viaxe a Holanda.

MALDITO SISTEMA.

- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -

Cadenaser 3-12-2007
NON É RENTABLE SER UN CAMELLO EN FRANCIA.

O Observatorio Nacional de Drogas deste país ven de publicar un estudio, no que se afirma que un traficante de cannabis a pé de rúa apenas gaña cartos: entre 4.500 e 10.000 euros ó ano, é decir apenas o salario mínimo interprofesional que se sitúa no país veciño en 1.200 euros mensuais. Algúns incluso, non chegan nin a "mileuristas", e iso que do que perciben polos trapicheos non se ten en conta os coste de producción e as tasas xudiciais no caso de condea. unha ruina, vamos.

O negocio, segundo o estudio, está a partires da venta de 10 kilos ou mais. Neste sentido, os "semi-maioristas" ingresan ata medio millón de euros anuais; O salario equiparable ó de director dunha pequena empresa.
E non será por falta de mercado, que o hai: En Francia existen algo mais de un millón e medio de consumidores, a metade de eles de "canuto diario".


- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -


Ata pronto compañeir@s.
Ahh, por certo, autocultivo, perdón...quería decir "case me olvido"...Pasade de trapicheos na rúa.
A seguir vivos e ata a volta.
SALUD!!

martes, diciembre 04, 2007

Zeitgeist.

Esta semán veño de ver un documental que a aqueles que esteñades dispostos a invertir casi 2 horas do voso precioso tempo, de seguro non vos vai deixar indiferentes.
É incluso un producto válido para compartir con toda a familia, sobre todo agora que se aproxima o Nadal e que, de seguro xa vístedes outros anos "sorrisos e bágoas" ou o célebre mensaxe de noiteboa da súa maxestade. (que digo eu..¿Por qué carallo non calará él, se dí sempre o mesmo?)
É unha mágoa que, ainda que sei que moit@s de vós xa o coñecedes, os medios e as canles "oficiais" apenas fixeron mención desta estrea, da que incluso se dí que se intentou frustrar o seu lanzamento gratuíto por parte "das forzas oscuras".
Se de min dependese, permitídeme esaxerar, sería de obrigada visualización en tódolos institutos e colexios, formando parte por exemplo da polémica asignatura de "educación para la ciudadanía", por moito que ós purpuritas e demais membros da curia romana lles escocese. (Estes últimos salen verdadeiramente malparados na primeira parte do documental, xa que se lles tumba o negocio ás claras).

Zeitgeist é orixinariamente unha expresión do idioma Alemán que significa "o espíritu (Geist) do tempo (Zeit)". Denota o clima intelectual e cultural dunha era.
Ademais Zeitgeist é o nome do 6º disco do grupo The Smashing Pumpkins, unha Galería de Arte en Oregón e o nome dunha banda Australiana de Rock Gótico.


- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -


Zeitgeist é un documental sen ánimo de lucro do 2007, producido por Peter Joseph con difusión gratuita por Internet. Grabado orixinalmente en inglés é posible atopalo con subtítulos en moitos idiomas, entre eles en español.
É un traballo á maneira de intrahistoria que tenta partir dunha análise racionalista e histórica da estratexia e cálculo político, de varias creencias relixiosas e de institucións políticas e económicas.
Dende a súa publicación na primavera deste ano, este video foi visto mais de 5 millóns de veces.

Iste é o trailer:





O documental está estructurado en tres partes, a primeira é unha exposición do cristianismo como una mitoloxía astrolóxica que é o terreo abonado para que as masas crean cegamente en mitos, a segunda expón o funcionamento da propaganda e adoctrinación mediática acadando que os propios cidadáns asintan ser mais controlados polos seus gobernos, e a terceira fala sobre a xeopolítica e economía global enfocándose no monopolio dos cartos (xunto á especulación financieira) e o gasto militar.

Sen mais dilación, se queredes ve-lo documental completo con subtítulos en español premede aquí.

Se o preferides ver por entregas por falta de tempo aquí tede-las partes, premede en cada unha:

Primeira Parte; A historia mais grande xamais contada.

Segunda Parte; Todo o planeta é un escenario.

Terceira Parte; Non fagas caso á xente detrás da cortina.



Se o vedes de seguro faravos pensar, e lembraravos que non nos podemos crer nada. NIN SEQUERA O PROPIO DOCUMENTAL.
Sorte que alomenos seguimos vivos.
Eu celebrareino esta fin de semán por terras galegas, con entroutros moitos MEU IRMAO, que onte cumpriu 28 anos. E isto garantizo que é certo.
PARABÉNS PEQUENO.

sábado, diciembre 01, 2007

A Petite Mort

Hoxe diríxome a vós RAPAZAS, que ademais últimamente sodes maioría nos comentarios e nas visitas a iste voso recuncho, para compartir un video que vin fai uns días mergullándome neste fantástico océano da Rede de Redes.
Dito video, que seguro que moitos de vós xa vístedes, é unha magnífica creación utilizando tipografías cunha narración do mais suxerente que relata a "petite mort".



A Petite Mort, é un término francés utilizado para designa-lo momento no que unha muller alcanza o orgasmo, perde a conciencia prácticamente durante uns segundos e queda incluso en coma por uns instantes.

Ollade, e por favor Rapazas...OPINADE...
E a vós Rapaces....Un Saudo meus......NON SOMOS NADA..




Iste ó parecer, é o primeiro conto de Late Chocolate. O primeiro dunha colección de pequenas historias de mulleres e sexo, un reflexo do que pensan, sinten e desexan. Estaremos pendientes das sucesivas entregas desta marca, feita por e para mulleres que integra o lado corporal, emocional e intelectual da muller de hoxe.
E NON, por desgracia non recibo ningún tipo de beneficio nin remuneración por ista propaganda gratuita, pero "lo cortés no quita lo valiente".


- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -


E por aquelo de ser un pouco mais xustos, se cabe, teño que decir que buscando información sobre A Petite Mort no deus Google, descubro que existe un blog con ise título escrito por Scarlett dende Madrid,tamén cun contido mais que suxerente, que non podo deixar pasar por alto e que vos convido a visitar coma non podía ser de outro xeito.

A Petite Mort é, ademais do anteriormente citado; unha galeria de arte sita en Ontario (Canadá) e unha banda de Música de Francia, ademais dun sitio web de moda e de artigos Góticos (Tenebrosos).
As Cousas De INTERNET, xa se sabe.

Desfrutade da Petite Mort compañeiras, e para cando resucitedes lembrade celebrar que seguides Vivas.

lunes, noviembre 26, 2007

Outra de nenos. Namaste


Unha das novas que me quedou trabada no cartafol Lia a Dia dende fai varios meses lista para compartir con todas e todos vós, trasládanos desta volta á inmensa e colorida India.
Deste país de contrastes chegan de cando en vez datos, que interpretados a bote pronto deixan a calqueira pálido. Certo é que a perspectiva occidental tende a dramatizar e a xulgar sen coñecemento de causa tanto políticas coma actitudes ou incluso filosofías ou relixións alleas ó noso mundo "civilizado", e certo é tamén que resulta moi sinxelo lamentarse co bandullo cheo, pero cando de NENOS se trata, non hai Matices que vaian.
A inocencia perdida de xeito prematuro, perxudica crónicamente.

O goberno da India ven de recoñecer oficialmente no seu parlamento, a desaparición nos últimos 3 anos de perto de 13.000 nenos e nenas.
Moitos deles vense atrapados no negocio do tráfico de menores, que explota laboralmente a mais de 60 millóns de nenos, sendo a maioría secuestrados e logo prostituídos ou utilizados coma man de obra infantil.
Organizacións Non Gubernamentais coma "Save the Childhood Foundation" levan anos e anos tentando chamar a atención sobre esta e outras problemáticas.. Sin moito éxito visto o resultado.
Mais non lle quedou mais remedio o Ministro do Interior Shivraj Patil que facer pública esta cifra logo do informe do Rexistro Nacional de Delitos(NCRB).
Para atallar semexante problema social o ministro propón unha nova lei ou unha reforma no código Penal Indio.
O executivo Indio reacciona así á presión da oposición, quen reclama unha resposta política logo de achar o pasado inverno os cadáveres de 17 nenos que foran violados e asasinados en Noida, cidade próxima a Nova Delhi. Os servizos de seguridade Indios están investigando estes sucesos, así coma casos de "canibalismo" e de comercio ilegal de órganos.




------------------------------------------------------

A India é o segundo país mais poboado do mundo con 1.100 millóns de habitantes logo da China, ainda que moitos pensamos que dada a política de control de natalidade na china durante os últimos anos e o pésimo control dos censos de población do goberno Indio, este xa puido superar fai algún tempo á propia república popular.
Cunha natalidade de 15 millóns de nacementos ó ano e facendo o cálculo pola conta da vella, dá unha cifra aproximada de case 30 nenos por minuto. O único que pode chegar a pensar un, é que realmente queda moitísimo traballo por facer.
E mentras, o seu goberno dí que necesita unha nova lei ou unha nova reforma. Mi madriña, que medo. E presumen de ser a democracia mais poboada do mundo. Democracia que non se esquence ó mesmo tempo de querer ser unha potencia militar.
Fai unhos meses esta mesma democracia ven de mercar a Israel, coa mediación unha vez mais da C.I.A, armas por valor de 20.000 millóns de dólares.

Correxídeme se me equivoco pero ese gasto militar repartido entre os nacementos dun ano neste bendito país, daríanos 1.300 dólares por nacemento, que non chega ó cheque bebé do goberno ZP deste noso 1º mundo, pero sería unha boa axuda. ¿Non vos parece?

Hoxe non quero nin celebrar que sigo vivo.
Empezo a pensar que OUTRO MUNDO NON É POSIBLE.

E os nenos inocentes indefensos ante o veneno que os rodea.



NAMASTE.

jueves, noviembre 22, 2007

¿Sabias Que...?

Recibo hoxe de miña prima Manuela un correo con "información privilexiada" que nun alarde de xenerosidade me vexo na obriga moral de compartir con todos vós. Será que non valgo para gardar un segredo, ou será que antes de que escomece a precampaña electoral das eleccións do ano que ven coa que nos enchouparán con promesas, panfletos e boas palabras temos que estar sobreaviso de como funciona a política.

Ou será tamén que miña prima Manuela úrxeme a difundilo xa que os medios de comunicación, non comunican tanto coma pensamos e resulta bastante complicado conseguir informarse DE VERDADE e con veracidade.

Algúns levan semanas tentando sacar rendemento eleitoral con todo o que está a acontecer coas obras da alta velocidade e cos problemas que están surxindo sobre todo por terras catalanas.
Dacordo....Falemos do A.V.E:
-----------------------------------------------

¿Sabías que o Ministerio de Fomento do Partido Popular creou e encargou a un organismo autónomo, pero dependente deste ministerio, a execución das obras do ave Madrid-Barcelona, e que ise organismo chámase G.I.F (Gestor de infraestructuras Ferroviarias)?

¿Sabías que a principal empresa a quen, o G.I.F, adxudicou realiza-las multimillonarias obras do ave Madrid-Lleida é unha U.T.E (Unión Temporal de Empresas) constituída por Cobra e por unha empresa Italiana do grupo de Berlusconi?

¿Sabías que isa operación tivo un comisionista que se embolsou 8000.000.000(SÍ, oitomil millóns das pesetiñas de antes, ou si prefires 48.000.000 dos euros actuais) por intermediar entre as empresas adxudicatarias e o G.I.F?
¿Sabías que o nome dise comisionista é Alejandro Agag?

¿Sabías que Agag casou coa filla de Aznar no real monasterio do Escorial en presencia entre outros de Berlusconi e Blair coma convidados de Honra, nunha ceremonia que pode ser calificada tamén de "Real" dado o seu protocolo e os gastos derivados ó estado?Pois xa o sabes, o braguetazo non o deu Él, deuno Jose Mari co A.V.E a Guadalaxara.

¿Sabías que o A.V.E en Guadalaxara, non para na propia cidade?. A parada do A.V.E en guadalaxara está no término municipal de Yebes. Este lugar está a 10 minutos en coche da própia capital por unha vella e tortuosa estrada de carril único.
Sabendo que o tren normal de Guadalaxara a Madrid tarda 37 minutos e que o A.V.E "tan só" tarda 27 minutos e o billete é moito mais caro, parece claro que poucos en Guadalaxara irán a Yebes a colle-lo A.V.E.
Entón, ¿Que sentido ten face-la parada do A.V.E en Yebes?
Descubrámolo. "Que siga la fiesta..."



O negocio arrinca en 1998, cando o P.P decidiu colocar a única estación do A.V.E Madrid-Lleida, ó seu paso por Guadalaxara, na cativa localidade de Yebes. A decisión favorecía a Fernando Ramírez de Haro, esposo de Esperanza Aguirre (Presidenta da Comunidade de Madrid) e á súa familía que poseen nese municipio e arredores miles de hectáreas.
Ramírez de Haro e os seus irmaos teñen 1610 Hectáreas repartidas en cinco "leiras"
que foron mercadas á súa propia nai a cambio dunha renda vitalicia anual escasamente superior ó millón de pesetas.
O prezo dese solo rústico, que ainda non foi recalificado, sería hoxe de 1000 millóns de pesetas.
Pero a mais beneficiada desas revalorizacións é a tía do marido de Esperancita Aguirre, Teresa Micaela Valdés.
Os andéns disa estación do A.V.E foron parar as súas leiras.
Despois das pertinentes expropiacións de Fomento, ela decidiu construir unha urbanización, Valdeluz, de mais de 9000 vivendas.
Os terreos disa futura urbe en Yebes, mais coñecida xa como "Avelandia" foron recalificados en 2001 nun plan de ordenación urbana. Este solo urbanizable é propiedade de "ARVEJAL S.L" cuios donos son Teresa Micaela Valdés e os seus fillos, primos de Esperancita Aguirre.

Micaela otórgalle a esas terras un valor de mais de 8.000 millóns de pesetas. O arquitecto municipal de Yebes é Jaime de Grandes, irmao de Luís de Grandes, diputado do P.P, e de Lorenzo de Grandes, xefe de prensa da asamblea de Madrid pola presidenta da cámara, Concepción Aguirre.


Vaia...Que casualidade. Todo queda en casa.
Que vergoña.
Raro parece tamén que o P.S.O.E non faga un uso mais partidista de este e de outros escándalos.
Se cadra é mellor te-la boquiña pechada non vai ser que saian á luz tamén historias escabrosas do A.V.E a Sevilla, por exemplo. E que xa se sabe, hoxe por ti, e mañán por min.
Sodes todos fillos da mesma cadela.

E de aquí a pouco vannos lembrar casí apuntándonos co dedo acusador que é de obrigado cumprimento acudir ás urnas e exercer o noso dereito a voto para ser verdadeiros cidadáns.
Sí, sí.......Para que non se vos foda o negocio.
Ide votar....Ide....

Paréceme a min que ese Domingo EU adicareime a celebrar que sigo vivo. Si é que chego claro.



SALUD

miércoles, noviembre 21, 2007

MENTIRA

Soy la mentira
destilando sangre por los ojos
muriendo en cada luna
atrapado en el silencio.

Soy dolor
carne de preso
arrancada por los perros
que comen de tus pies.

Soy sólo la mentira
que nunca pudiste ver.

J.C.B.C




Que o sistema nos toma por tontos a todos, sabémolo moitos. Negalo ou cuestionalo non fai mais que engordar unha gran farsa global que está, entre outras moitas lindezas, acabando co planeta que habitamos ó mais puro estilo de plaga bíblica.
Outra cousa moi distinta é que mexen por riba de un, e teñas que alza-la cachola, sorrir, dar as gracias e despois decir que adoras os días de choiva.
Nin sequera poño en dúbida que aqueles que así o desexen se deixen levar pola corrente e non aspiren a ser mais que corchos con mentes esponxiformes que prefiren non plantexarse nin cuestionarse nada, a cambio, eso sí, de vivir felices e tranquilos deixándose levar. Como decía Walter no Gran Lewoski, "Al menos es una doctrina", e a felicidade é o obxectivo último a fin de contas, e tampouco os demais facemos nada ou pouco por cambiar algo, certo É...E ainda por riba tendemos a amargarnos.

I e que o final "o sistema" vai ter razón e tanto os uns coma os outros somos tontos, ou como diríamos en Galego que sempre sona mais "musical"; SOMOS TODOS PARVOS.

Mais o que non se pode facer, eso sí que NON, é negar o evidente:
TODO É MENTIRA.



Ninguén debería dar consellos. Pero eu voume atrever:
DECIDE POR TI MESM@.

E se ademais segues viv@, non esquezas celebralo.
¿Que mais se pode pedir?
SALUD