jueves, enero 31, 2008

No cu do mundo


Bueno Xentalla.
Creo que xa vai sendo horas de dar unha explicación convincente do abandono deste voso blogue, no que non aparecen actualizacións nin novidades dende o pasado més de Nadal, aló polo día 6. E unha vez mais, non será por non ter nada que compartir con vós. O motivo é tan sinxelo coma que as ocupacións da famillia obligaron ó dito peche editorial.
Mais xa estamos de volta, coas comunicacións restablecidas e con ánimo de seguir no blogomillo.

A primeira cousa, e a mais importante, é que ista fami-Lia, como xa sabedes a maioría, vaise ampliar cun novo membro que xa deixou de ser un simple feto sen nome, para pasar a adoptar protagonismo e personalidade propia. Xa queda menos para a alumbramento do noso segundo fillo, e se todo vai ben, a mediados do vindeiro mes de Marzal, terei a honra de presentar en sociedade, a vós por suposto en rigurosa primicia, a MAEL. Segundo os controis médicos todo evoluciona segundo o desenrolo normal dun bebé de mais de 32 semáns de vida. Toda unha sorte.

O segundo gran cambio en Lia a Dia, é que abrimos unha etapa nova deixando Inglaterra as nosas costas para instalarnos de maneira semidefinitiva en terras Coruñesas. A baixa de maternidade nas illas británicas pode ser extendida, ainda que non pagada na súa totalidade, ata os 12 meses. Este será, alomenos, o tempo que estaremos por terras Galegas.
Mentiría se dixera que non vou botar en falta Bath. Gran descubrimento o desta fermosa cidade.
Non me preguntedes que vai pasar despois, porque non o sabemos nin os propios protagonistas desta historia. Haberá que deixar que o destino exerza de guionista da nosa película. Agardemos que teña final feliz.

Este traslado que vos comento, logo de residir en territorio británico durante mais de 4 anos, forzounos a abandona-lo blogue que estás a ler. Non vos podedes imaxinar a de cousas que se acumulan aló onde vivas durante un período de tempo coma este. Todo unha complicación que parece que por fin está amañada. Sirva este recuncho para agradecer unha vez mais a JOE HOLMES a súa axuda e colaboración desinteresada, deixándonos facer uso da súa propia casa e do seu coche, para gardar unha serie de cousas que polo de agora me resultou imposible transportar a Galicia.


O terceiro factor que influiu no abandono parcial desta bitácora, (ademais do feito de deixar de ter conexión a internet, factor este xa solventado dito sea de paso) é que dende o pasado día 15 de Xaneiro estou a traballar nun programa de Recuperación de Fauna Salvaxe coma cooperante voluntario en TAILANDIA. Iste proxecto era algo que tiña en mente dende facía tempo. Completamente organizado, ou case, dende finais de Agosto do ano pasado, e agora por fin viu a Luz neste comezo de ano 2008, que non sei coma rematará, pero sí que vos podo asegurar que está escomenzando de xeito vibrante. Desculpade o feito de non telo compartido con vós antes.

Cheguei ata eiquí a través dunha axencia de cooperación con sede en Nova Zelanda, que se chama G.V.N.(Gloval Volunteer Network) a cal coñecín a través desta gran canle de comunicación e información pola cal vos falo, que é o bendito Internet. Se tedes tempo, disposición, dedicación, algo de cartos e unha cara tan dura como a miña para abandonar á vosa xente (pensade que era ou agora ou probablemente nunca), non dubidedes en botar unha ollada a esta ou a calquera outra axencia de cooperación internacional, porque realmente é unha experiencia inesquencible e hai programas para todo tipo de profesionais (Mestres, médicos, enfermeiros, educadores, enxeñeiros etc.) ou para calquera persoa con ganas de axudar de maneira desinteresada e altruísta.

O meu programa está situado na provincia de Petchbury, a uns 250 km ó sudeste de Bangkok, non moi lonxe da fronteira con Myanmar (Birmania). Os sitios mais cercanos son Cha-am (onde me atopo neste intre desfrutando do meu único día libre á semán) ou Hua-hin.

En concreto estou a traballar no Wildlife Rescue Centre, xestionado pola asociación Wildlife Friends of Thailand.
Iste centro foi fundado en Maio de 2001 e foi construido nuns terreos cedidos xenerosamente pola comunidade Budista de Kao Look Chang, que é o poblado mais cercano ó refuxio, a tan só 20 minutos andando. Se queredes informarvos polo miudo podedes navegar a través desta PÁXINA WEB.

O fundador do refuxio é un holandés que se chama Edwin Wiek, que logo de instalarse a vivir en Cha-am abrindo algúns negocios, decidiu vender todo para adicarse por completo á recuperación distes animais. Hoxendía ademais, está inmerso noutros proxectos como a recuperación de especies en risco de extinción en 2 zonas inmensas de Laos e Camboia, que van ser asolagadas para a construcción de 2 xigantescas presas hidroeléctricas. Unha mágoa, pero o proxecto parece que non ten marcha atrás.
Dende a sua apertura, o centro leva dado cobixo e unha vida digna a mais de 400 animais, sendo a súa reintroducción ó medio natural o obxectivo final, pero cunha porcentaxe de éxito mínima dado o delicado estado dos bichos e á falta de hábitat para a súa liberación. Ademais das instalacións propias do centro, nun gran lago cercano, dispoñen de 8 pequenas illas desabitadas que serven de refuxio natural para outras tantas familias de primates.
A día de hoxe o centro conta con mais de 300 animais entre primates (de todo tipo, Gibones, macacos, langures etc), osos, tigres, paxaros, reptís, mamiferos nocturnos etc. En vindeiros días prometo presentarvos ós meus favoritos.

Empecei a traballar no centro o día 16 deste mes, logo dun longo e canso viaxe dende Londres a Bangkok facendo escala por 3 horas nos Emiratos Árabes, en concreto en Abu Dabhi. O viaxe de regreso será igual pero á inversa. Quedarei no refuxio durante algo mais de un mes e logo dispoño de case 10 días para exercer de turista "ó uso", ainda que dada a perfecta adaptación ó centro, estou a cavilar a posibilidade de quedar eses días extras traballando no refuxio. Agardo chegar á Coruña o vindeiro mes de Febreiro aló polo día 24. Que así sexa. Significaría que todo foi ben e baixo o plan previsto. Ata entón espero seguir contándovos mais cousas deste maravilloso lugar e as suas xentes, porque realmente paga moito a pena.
Para entón podería celebrar tamén aquelo que digo sempre de que Seguimos vivos.

CHAI O!!
SAWADI.
KOP KUN.